Compromiso de Igualdade
En todos e cada un dos ámbitos nos que se desenvolve a actividade desta empresa, dende a selección ata a promoción, pasando pola política salarial, formación, condicións laborais e de emprego, saúde laboral, organización do tempo de traballo, traballo e conciliación, asumimos o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prestando especial atención á discriminación indirecta, entendendo por esta “a situación na que unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutral, pon a unha persoa dun sexo nunha situación de desvantaxe particular fronte ao persoal do outro sexo.
En canto á comunicación, tanto interna como externa, informarase de todas as decisións adoptadas ao respecto e proxectarase unha imaxe da empresa conforme a este principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Os principios recollidos na Lei levaranse á práctica mediante o fomento da conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e mediante a implantación e execución do Plan de Igualdade de GESTORA DE SUBPRODUCTOS DE GALICIA, SL, que recolle o Diagnóstico en materia de igualdade e no que se definen as medidas, sistemas de avaliación e seguimento que nos permitan cumprir os obxectivos en materia de igualdade entre homes e mulleres na nosa empresa. O Plan elabórase coa participación de todo o persoal, tanto homes como mulleres, cuxas demandas e suxestións se canalizan na negociación a través dos respectivos representantes legais do persoal, non só no proceso de negociación, senón tamén na execución, seguimento e fases de avaliación. A empresa pon á súa disposición todos os medios humanos, materiais e de recursos necesarios para a correcta aplicación do seu Plan de Igualdade.
Este plan de igualdade realízase de acordo co establecido no RD 901/2020, polo que se regulan os plans de igualdade e a súa inscrición, así como no RD 902/2020, de igualdade salarial entre mulleres e homes. Do mesmo xeito, para o compromiso coa non discriminación téñense en conta todos os aspectos contemplados na Lei 15/2022, integral para a igualdade de trato e a non discriminación.